viernes, 5 de junio de 2020

5 de xuño, Día do Medio Ambiente


        O  pasado curso visualizamos unha montaxe feita polo alumnado de sexto sobre o impacto medioambiental dos incendios forestais. E, a seguir, os alumn@s de tres anos, coa axuda dos padriños lectores, plantaron unha árbore no patio de infantil. Este ano é diferente, estamos confinados, aínda así, seguimos defendendo e protexendo os espazos naturais.

      Levamos tempo traballando na defensa do medio, apuntándonos á compostaxe, reciclando, aforrando enerxía e creando carteis e vídeos explicativos para invitar a protexer o medio natural. Queremos medrar nun mundo onde se respecte a natureza!




Estades tod@s invitad@s!

lunes, 10 de febrero de 2020

APÚNTATE Á COMPOSTAXE


    
     O mércores, dous técnicos do "Plan Revitaliza", déronnos unha charla sobre a compostaxe.

     Faláronnos dos beneficios de colaborar nunha mellora ambiental e o mellor xeito de transformar os restos orgánicos, restos de alimentos e vexetais, nun fertilizante natural.

     Unha das tarefas que realizamos foi a montaxe dun composteiro. Así poderemos obter un fertilizante  para o noso horto a partir de biorresiduos e materiais secos que funcionan como estruturante.

     Iso si, teremos que esperar un tempo, pode que seis meses, antes de poder empregar o cómpost.




Xa temos un novo composteiro!

domingo, 9 de junio de 2019

DÍA DO MEDIO AMBIENTE


     O  5 de xuño celébrase o día do Medio Ambiente.

     O alumnado de 6º de Primaria amosounos unha montaxe audiovisual que realizaron sobre o impacto medioambiental dos incendios forestais.

     No colexio, como de costume, as nenas e os nenos de 3 anos plantan unha árbore no patio. Este curso a árbore elexida foi unha Maceira, Malus domestica, que todos se comprometeron a cuidar, a protexer e  a tratar con agarimo.

     Rematamos a actividade recollendo o lixo que había no patio.
   


"Xa imos ter sombra e mazás"


domingo, 28 de abril de 2019

BOSQUE DOS NEN@S

   Plantamos frondosas na Serra do Galiñeiro!


   O venres, día 12 de abril, estivemos no Bosque dos nen@s repoboando unha parte de monte que resultou arrasado polos incencios e precisa da axuda de tod@s para darlle vida de novo.

   Recibimos unha invitación  dos  respondables da Comunidade de Montes para recuperar e coidar unha parte do Galiñeiro.

   Plantamos diferentes tipos de frondosas: carballos, acivros, pradairos ... e, os maiores,  aproveitamos a saída para visitar os Petróglifos de Auga da Laxe.






jueves, 18 de octubre de 2018

ELIMINACIÓN DE EUCALIPTOS

"Xornada de traballo na Serra do Galiñeiro"

     Esta semana o alumnado do Ceip Serra-Vincios dedicamos unha xornada a loita contra unha gran invasora dos nosos montes e espazos naturais. Estivemos arrancando eucaliptos na Serra do Galiñeiro.
     Os responsables da Comunidade de Montes solicitaron axuda para loitar contra esta especie que está a invadir unha gran superficie no monte.

     Foi un día moi interesante!
     Camiñamos ata chegar á panasqueira onde un representante da Comunidade   nos indicou o lugar máis axeitado para arrancar os eucaliptos.
     Levamos guantes, calzado cómodo e mochilas con auga e merenda. Fixemos montóns cos eucaliptos que arrancamos e pensamos que hai que seguir eliminando esta praga que impide o crecemento de especies autóctonas como carballos, castiñeiros ...
   
     Merendamos na panasqueira, bebemos na fonte e xogamos polos arredores. Sentímonos moi ben!
   
     Só nos queda darlle as grazas aos responsables da Comunidade de Montes por ter en conta a nosa axuda e polas tarefas que realizan en defensa dos nosos montes.


Arrancando eucaliptos na Serra do Galiñeiro.




lunes, 24 de septiembre de 2018

XORNADA DE VENDIMA



     Un ano máis, os alumnos e as alumnas do Serra Vincios, recibimos unha invitación para vindimar nunha leira a carón do centro escolar.
     Esta actividade non só amosa unha das costumes e tradicións que durante anos se desenvolveron na nosa terra senon que permite asociar a colleita de uvas coa posterior elaboración do viño.
     A tarefa favoreceu a colaboración e o traballo entre distintos grupos polo que afillados e padriños lectores puidemos compartir novas experiencias.
     Enrique explicounos os tipos de uva que teñen no lugar: Tempranillo, Albariño, Negrón, Barcelonés, Mencía … Tamén nos dixo que este ano hai menos colleita que outros anos e que a viña require moitos coidados e tempo.
     Empregamos “capachos”, tesoiras, cestos …. para cortar e recoller os acios das vides.
     Despois dunha xornada tan satisfactoria só nos queda agradecerlle aos propietarios a invitación recibida e a súa colaboración desinteresada.
     Moitas grazas!
     As nenas, os nenos e os profesores do Serra Vincios






domingo, 10 de junio de 2018

Día do Medio Ambiente



              O  5 de xuño celébrase o día do Medio Ambiente. No colexio, como de costume, as nenas e os nenos de 3 anos plantan unha árbore no patio. Este curso a árbore elexida foi un Marmelo, Cydonia Oblonga, que todos se comprometeron a cuidar, a protexer e  a tratar con agarimo.


"Imos plantar un marmelo"